A Federación española de asociacións de amigos do Camiño de Santiago, no seu XXV aniversario, outorga á Xunta a medalla de honra
Con motivo do seu XXV aniversario, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, ven de outorgar á Xunta de Galicia a Medalla de Honra pola labor realizada na Ruta Xacobea. O galardón foi recollido pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, no decurso da asemblea anual da Federación, que se celebra en Compostela.
A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que engloba a máis dunha trintena de asociacións xacobeas espalladas por todas as Rutas Xacobeas do territorio, constituíuse en 1987 tras o Primeiro Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas celebrado en Jaca.
Na actualidade, a federación agrupa a un colectivo de 5.900 socios voluntarios que traballan desinteresadamente na promoción, conservación e difusión do Camiño de Santiago. O programa da asemblea desenvolverase no Concello de Santiago, na Cidade da Cultura e mais na Catedral. O encontro, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, abriuse esta mañá cun acto de apertura no que interveu a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, quen ademais de felicitar á federación pola súa efeméride e polo traballo desenvolvido durante este cuarto de século a prol do Camiño de Santiago, agradeceu a celebración en Compostela desta asemblea e resaltou “ a inestimable labor das asociacións xacobeas como embaixadoras do Camiño de Santiago”. Carmen Pardo destacou tamén a importancia do apoio aos peregrinos que prestan as asociacións, a creación da figura do hospitaleiro-voluntario por parte da federación; os traballos de recuperación histórica dos Camiños de Santiago e a xestión do persoal voluntario que traballa nas rutas.