O Xacobeo participará en Washington nunha reunión científica sobre o fenómeno das peregrinacións e o Camiño de Santiago
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo participará o próximo sábado 1 de outubro en Washington na reunión científica “Workshop on Pilgrimate Studies”, encontro no que se abordará o fenómeno das peregrinacións e o Camiño de Santiago en particular.
A organización deste evento corre a cargo da propia S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en colaboración coa Biblioteca do Congreso de Estados Unidos, a embaixada española en Washington, o American Film Institute e o William and Mary College de Virxinia. A directora xerente da S.A. do Plan Xacobeo, Camino Triguero, participará nesta xornada, na que manterá contactos cos responsables da Biblioteca do Congreso para establecer vías de colaboración entre ambas entidades.
O “Workshop on Pilgrimate Studies” contará coa presenza de máis de 40 centros universitarios de Estados Unidos e Canadá, algúns deles considerados entre os cen mellores do mundo, como a Universidade de California-Os Ánxeles, Purdue University, Universidade de Michigan, Universidade de Florida, Washington University of Saint Louis, Universidade de Minnesota ou a Fordham University. Estes centros forman parte dun consorcio de universidades que están a desenvolver un plan de estudos sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno das peregrinacións en xeral, dotando de rango curricular ás investigacións e experiencias sobre a Ruta Xacobea en diferentes campos, tales como relixión, estudos hispánicos, a antropoloxía, historia da arte, historia medieval ou socioloxía. O consorcio proponse organizar para os seus alumnos un primeiro seminario de investigación, que terá lugar en Santiago entre o 21 de maio e o 29 de xuño de 2012.
No marco do “Workshop on Pilgrimate Studies” presentarase e proxectarase aos asistentes e á prensa de Washington a película "The Way", rodada no Camiño de Santiago coa colaboración da Xunta de Galicia e que durante estes días estase a estrear nos Estados Unidos. Á presentación acudirán o director Emilio Estévez e o protagonista, seu pai, Martin Sheen, ambos os dous de orixe galega.
Outras novas
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’