24/xuñ/2015

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia presenta a exposición “Camino. A orixe”

A través dunha montaxe rotundamente contemporánea, ‘Camiño, a orixe’ ofrece 150 pezas que inclúen obras mestras de grandes artistas como Alberto Durero ou Bartolomé Esteban Murillo e outros obxectos de alto valor cultural. A Galería Uffizi de Florencia, o Museo Cluny de Francia, o Museo del Prado, Patrimonio Nacional, Museo Lázaro Galdiano, os Museos de Belas Artes de Bilbao, Murcia, Córdoba e A Coruña e, por suposto, o Museo das Peregrinacións de Santiago e a Catedral de Santiago, integran a ampla nómina de institucións que colaboran coa Cidade da Cultura nesta exposición.

A exposición complétase co proxecto ‘Lugares Xacobeos’, once intervencións artísticas realizadas por mozos creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo coas que se busca establecer un diálogo entre o trazado medieval de Compostela e o da Cidade da Cultura ideado por Peter Eisenman. A eles súmanse os alumnos das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia –Escola Pablo Picasso da Coruña, Escola Ramón Falcón de Lugo, Escola Antonio Faílde de Ourense e Escola Mestre Mateo de Santiago- para a realización de deseños xacobeos exclusivos para a mostra, que estarán expostos na tenda do Museo Centro Gaiás durante os seis meses que a mostra permaneza aberta ao público.