3/xuñ/2015

A Xunta leva ás escolas galegas “Protexendo o Camiño” un programa para difundir os valores xacobeos

Trátase dunha das accións programadas dentro dun amplo abano de actividades de difusión do Camiño de Santiago para escolares que se está a desenvolver nas escolas e centros culturais de 40 municipios galegos percorridos polos diferentes itinerarios da Ruta Xacobea.

A través das aventuras dun neno e unha nena, Iago e Peregrina, debuxante e fotógrafa, que realizan o Camiño de Santiago tentando protexer as rutas dos riscos que poden sufrir os nenos, reflexionan, dun xeito lúdico, sobre a responsabilidade de toda a comunidade coma protectores do Camiño. Así mesmo, identifican os riscos existentes e propoñen posibles solucións a estes problemas.

Durante cada acción, os nenos escoitan contos, debuxan e fan diversas actividades e postas en común para entre todos e todas artellar unha rede protectora e cultural do Camiño de Santiago. Deste xeito, os cativos dos centros de ensino, bibliotecas e centros culturais, coñecen, dun xeito divertido, o Camiño de Santiago e valoran o seu poder cultural, económico, patrimonial e social.