6/xul/2015

Os Camiños do Norte acaban de ser incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO

No World Conference Center de Bonn, no marco da 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, os Camiños do Norte veñen de ser incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Con este novo galardón, Galicia conta con cinco bens patrimonio da humanidade e España con 45 bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial. O terceiro país con máis bens declarados só por detrás de Italia e China.

A inserción na Lista da UNESCO é o máximo recoñecemento que pode recibir un ben. Reconócense catro rutas singulares: o Camiño da Costa, o Camiño Primitivo, o Lebaniego (Cantabria) e o Vasco-Rioxano, que abarca a inclusión nominal dun total de dezaseis monumentos da máxima relevancia e valor cultural. Un recoñecemento destas rutas do Norte que conducen a Compostela desde o século IX até o presente.

Os Camiños do Norte en Galicia
En concreto por Galicia transitan dúas das catro rutas: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro monumentos: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.

Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos, en contreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.

Galicia incrementa así a súa nómina de declaracións, que até o día de hoxe incluía xa á Cidade vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.

Afonso II, o primeiro peregrino
As primeiras peregrinacións cara á Santiago de Compostela están relacionadas co momento histórico do descubrimento da tumba de Santiago o Maior, nos primeiros anos do século IX, e continúan ininterrompidamente durante os séculos posteriores. Trátase de peregrinacións relacionadas ao culto do Salvador en Oviedo e que contan con romeiros ilustres como Afonso II, ‘O Casto’, rei ao que a lenda sitúa como primeiro peregrino no Camiño para visitar a recentemente achada tumba apostólica e ao que se lle atribúe a construción dunha primeira igrexa dedicada ao culto xacobeo.

Estas romarías contan cunha recoñecida vitalidade ata o século XVIII. Os peregrinos chegaban desde Francia, ou a través dos portos vascos e cántabros de países e rexións do Atlántico (Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia), que seguían os trazados das rutas do norte do Camiño de Santiago.