8/xul/2015

Santiago de Compostela recibe o peregrino 100.000, un ciclista que percorreu o Camiño por terceira vez

A Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar entregou o pasado día 7 de xullo a Compostela número 100.000 a Julio Rubio, un peregrino que fixo o Camiño de Santiago xunto con outros sete integrantes dun grupo de ciclistas que percorreron preto de 1.000 quilómetros durante nove días, partindo dende Campo de Criptana (Ciudad Real).

O peregrino 100 mil tivo, ademais da satisfacción de chegar á meta do Camiño, un recoñecemento moi especial. Na Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar foi recibido polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e polo presidente da Fundación da Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, que lle fixeron entrega tanto da Compostela como de diversos agasallos como recordo deste día tan especial.

O peregrino, a súa chegada, relatou emocionado que o importante non é ser o número 100.000 senón lograr chegar a meta da Ruta Xacobea xunto aos seus compañeiros tras partir o pasado 29 de xuño dende Campo de Criptana, día de San Pedro, e chegar este 7 de xullo en San Fermín.

No seu recibimento na Oficina do Peregrino, que congregou a multitude de medios de comunicación, Rubio explicou que esta é a terceira vez que realiza o Camiño de Santiago xunto aos seus compañeiros dende Ciudad Real e que prevé que haxa unha cuarta ocasión no próximo Ano Santo, en 2021.