28/abr/2026

Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década

  • O presidente da Xunta participou hoxe no acto de conmemoración polo décimo aniversario da oficialización desta ruta
  • Trátase da ruta xacobea que mais medra ao pasar de 2.600 peregrinos en 2016 aos 90.000 do pasado ano
  • Asegura que é “un bo exemplo da Galicia Calidade” e reivindica esta ruta como unha peza fundamental do Xacobeo 2027
  • Anima a seguir medrando “con sentidiño” para atraer turistas durante todo o ano e “crear economía” no percorrido
  • Agradece o traballo realizado por concellos, asociacións e expertos para promover esta ruta
  • Nos últimos anos investíronse case 5 M€ nas infraestruturas e sinalización

Vigo, 28 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe “o crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa na última década, que multiplicou a súa afluencia de peregrinos ao pasar dos 2.600 que o percorrían en 2016 aos 90.000 que o transitaron o ano pasado.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación no acto de conmemoración do décimo aniversario de oficialización deste camiño, un logro que se acadou hai 10 anos a través da publicación da Lei de patrimonio cultural de Galicia. Este recoñecemento supuxo outorgarlle un tratamento igual que o resto de rutas oficiais.

O Camiño Portugués da Costa é a ruta xacobea que está a experimentar un maior incremento de peregrinos e o presidente resaltou que aínda hai marxe a seguir medrando “con sentidiño”. “Temos os brazos abertos a todo o mundo, aquí non sobra ninguén. Canta máis xente veña a coñecernos, mellor. A xente fai o Camiño e quere repetir, ver outro sitios, noutras épocas do ano isto crea economía”, resaltou.

Desde a oficialización desta ruta xacobea, a Xunta realizou un intenso apoio institucional. En cifras, este traduciuse no investimento durante estes anos de case 5 millóns de euros neste itinerario. Este orzamento serviu para poñer en marcha novas infraestruturas, como o albergue público do Berbés, en Vigo; ou para instalar sinais en case todo o percorrido. Neste punto, o presidente lamentou que o concello de Vigo siga negándose a autorizar a instalación de sinais oficiais, que están presentes na cidade grazas á colaboración de hostaleiros e comerciantes. “A principal cidade que atravesa o Camiño vive de costas desde o punto de vista oficial”, lembrou para reivindicar a “colaboración de distintas administracións” para ofrecer a mellor experiencia posible aos que peregrinan cara Compostela.

Ademais, o titular do Executivo galego reivindicou que esta ruta da Costa –“que é un bo exemplo da Galicia Calidade”- será tamén fundamental durante a celebración do Xacobeo 2027, cando todos os focos estarán postos sobre Galicia. Cómpre destacar que esta camiño serve de entrada para moito viaxeiro internacional: de feito, aproximadamente o 80% dos seus peregrinos proceden de fóra das nosas fronteiras.

Por último, agradeceu o traballo realizado por concellos, asociacións e expertos, que traballaron arreo para lograr o recoñecemento oficial desta ruta e para que acadara esta puxanza na última década.