14/xan/2026

A Rede Pública de Albergues do Xacobeo recibe o premio Q 2026 que concede o Ictes pola súa aposta pola sostibilidade turística

  • O galardón será entregado no decurso dun acto que terá lugar o xoves 22 en Madrid, coincidindo coa celebración de Fitur 2026
  • O pasado ano, 25 albergues da rede autonómica acadaron a certificación S de Sostibilidade Turística
  • Galicia é a segunda comunidade cun maior número de certificacións Q de Calidade nos seus establecementos que suman 322 acreditados

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026

A Rede Pública de Albergues do Xacobeo vén de ser galardoada nesta edición co Premio Q 2026 que outorga o ICTES (Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade) que recoñece a aposta desta rede pola Sustentabilidade Turística ao seren recoñecidos moitos dos seus establecementos coa marca S de Sustentabilidade do ICTES.

Tamén serán distinguidos nesta edición o Concello de Marbella e o Garage Beat Club de Murcia. A entrega da distinción terá lugar o xoves, 22 de xaneiro, coincidindo coa celebración de Fitur, no Palacio de Cibeles, en Madrid.

A Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago, depende de Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e está formada por setenta e seis centros aloxativos que oferta máis de máis de tres mil catrocentas prazas.

O premio recoñece o esforzo da Xunta de Galicia pola calidade e a sustentabilidade. No ano 2025, 25 albergues de peregrinos da rede pública do Xacobeo acadaron a certificación de S de Sostibilidade Turística. En total, están acreditados con esta marca 31 albergues galegos.

A comunidade galega é a segunda en números absolutos en certificacións Q de Calidade Turística en España, só por detrás de Andalucía. Neste sentido, conta con certificación Q un total de 322 establecementos repartidos polo territorio galego.

No que atinxe á S de Sustentabilidade, en 2025 están acreditados un total de 108 establecementos, empresas, infraestruturas e recursos da comunidade galega que ocupa a terceira posición en números absolutos.