10/nov/2025

Xosé Merelles salienta a ampla experiencia de xestión internacional da Xunta sobre o Camiño de Santiago como aval para a súa proxección mundial de cara ao Xacobeo 27

  • O director de Turismo de Galicia impartiu a conferencia inaugural do VI Fórum do Camiño de Santiago Fairway, no que afondou na aposta pola sostibilidade turística da Xunta

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025

O director de Turismo de Galicia participou esta mañá no VI Fórum do Camiño de Santiago Fairway onde pronunciou a conferencia inaugural que levou por título Buscando a excelencia na sustentabilidade.  Durante a intervención, Xosé Merelles destacou que, na actualidade, Galicia ostenta a presidencia da Federación Europea do Camiño de Santiago, o órgano reitor desta ruta cultural ante o Consello de Europa.

Baixo o liderado da comunidade, ampliouse o número de membros e países representados, que pasou de 6 a 22 membros en tres anos. Ademais, asináronse diversos acordos destinados a coordinar accións de cooperación entre os membros e a promoción e cooperación con outras rutas culturais europeas e internacionais, como o asinado en 2023 coa Vía Francígena ou o rubricado en 2025 coa Deputación de Córdoba, Arxentina, que vincula o Camiño de Santiago co Camino del Cura Brochero.

Isto súmase a unha tradición de décadas de traballo colaborativo con outros organismos. Neste sentido, destacou, “a acción internacional da Axencia de Turismo de Galicia e da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo está aliñada coa Estratexia de Acción Exterior de Galicia”, o que constitúe “un instrumento esencial da diplomacia pública galega e o principal escaparate internacional de quen somos como territorio, como pobo, como historia e como cultura única integrada na paisaxe cultural europea”.

O director de Turismo de Galicia tamén subliñou a evolución vivida no Camiño de Santiago nos últimos anos. En 2003, o primeiro ano do que hai datos publicados na Oficina do Peregrino, 74.324 persoas recolleron a Compostela, sendo o 60% de localidades de dentro de España. Fronte a isto, en 2024 rozáronse as 500.000 Compostelas, das que un 56% se corresponden con turistas internacionais. “Aínda con dous meses por diante para acabar 2025, esta cifra xa se superou, con máis de 520.000 Compostelas e un crecemento do 6%”, enfatizou.

Xosé Merelles abundou en como estes datos confirman un cambio de proxección no Camiño, ampliando o seu alcance e dándolle unha visión global, e conectou esta perspectiva coa influencia histórica das rutas xacobeas na configuración de Europa.

Sustentabilidade

O director de Turismo de Galicia enlazou a experiencia de xestión internacional e a capacidade de manter os valores asociados ao Camiño coa capacidade da administración de responder aos novos retos que supón a súa promoción. Neste sentido, puxo en valor a incidencia económica e turística das rutas xacobeas, que se suman ao seu aporte cultural e social.

Merelles explicou a relevancia da sustentabilidade nas políticas turísticas da Xunta, recoñecida como elemento transversal tanto a Estratexia de Turismo 2030 como no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027. Entre outros, destacou o despregue de sensores nos distintos itinerarios, que permiten coñecer o alcance real e facilitar unha mellor toma de decisións.

O director da Axencia destacou a aposta do Goberno galego polo turismo, que se reflicte nas contas previstas para 2026, cun orzamento de 125,92M€ para preparar o Ano Santo 2027 e manter o crecemento do sector.