A Xunta afonda no vínculo entre os Camiños de Santiago e Roma nunha nova exposición
- O director da S.A Xacobeo inaugurou a mostra Compostela vs Testimonium. 100 quilómetros de peregrinación, que se poderá visitar ata o 15 de xaneiro de 2025
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025
O director da S.A Xacobeo, Ildefonso de la Campa, inaugurou este venres a exposición Compostela vs Testimonium. 100 quilómetros de peregrinación. Esta mostra recolle máis de 50 obras orixinais do pintor italiano Barnaba Salvador e do ilustrador galego Pablo Rosendo, que reflicten as súas experiencias de peregrinacións.
En concreto, Rosendo realizou os últimos tramos do Camiño Francés, desde Sarria ata Santiago, mentres que Salvador fixo a Via Francígena -que en 2025 celebra ano xubilar- desde Viterbo ata Roma. Os dous artistas camiñaron cen quilómetros, co que conseguiron, respectivamente, a Compostela e o Testimonium. De aí o nome da mostra, na que se poderán ver as máis de 50 obras realizadas durante cada traxecto, así como caixas de luz, fotografías dos itinerarios, bosquexos e recordos do Camiño.
A mostra poderá visitarse no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o 15 de xaneiro de 2026. Enmárcase no Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, dentro do que, desde 2018, Turismo de Galicia organiza unha exposición. O pasado ano púidose desfrutar de O Camiño en Viñetas, de Fausto Isorna, prevista inicialmente ata o 14 de xaneiro deste ano e que tivo que ser prorrogada ata o día 30 de marzo debido ao éxito de afluencia.
O director da S.A Xacobeo puxo en valor “a conexión entre ambos itinerarios no que se refire tanto á espiritualidade como ao vínculo a nivel turístico”. No que vai de ano, arredor de 520.000 persoas recolleron a Compostela, un 6% máis que no mesmo período de 2024. Un 57% veñen de fóra de España, o que indica a importancia do Camiño de Santiago á hora de internacionalizar o turismo.
Outras novas
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés