A Xunta reivindica o papel do Centro Gallego de la Plata e consolidará os lazos coa emigración galega nesta cidade cunha mouteira do Camiño de Santiago
- José González participou nos actos do Día da Hispanidade promovidos pola comunidade española da cidade, durante os que a Municipalidade fixo entrega da autorización para a futura instalación dunha mouteira do Camiño de Santiago
- Engadiu que a futura mouteira servirá como testemuño da irmandade entre Galicia e A Arxentina, poñendo en valor a pegada da emigración galega neste país e reforzando a proxección internacional do Camiño como símbolo de encontro e fraternidade
- Posteriormente, visitou o Centro Galego de La Plata, unha entidade histórica fundada en 1949 que, ao longo de máis de sete décadas, mantén viva a lingua, a cultura e as tradicións galegas
- A viaxe encádrase na iniciativa ‘Saborea Galicia Calidade’, celebrada con motivo de que Galicia fose escollida como convidada de honra pola Embaixada de España na Arxentina con motivo do Día da Hispanidade
- A programación, que combina gastronomía e música, péchase hoxe, 12 de outubro, cun concerto de Luz Casal no centro cultural Palacio Libertad de Bos Aires
Cidade da Prata (Arxentina), 12 de outubro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, visitou Cidade da Prata para participar nos actos polo Día da Hispanidade promovidos pola comunidade española residente na cidade, durante os cales a Municipalidade fixo entrega da autorización que permitirá a instalación dunha mouteira do Camiño de Santiago na Praza España. Durante a súa estadía, González tamén realizou unha visita ao Centro Gallego de la Plata.
A viaxe enmárcase na presenza institucional da Xunta de Galicia na Arxentina con motivo da iniciativa Saborea Galicia Calidade, desenvolvida na capital arxentina. A acción aproveita a visibilidade que supón que Galicia fose elixida rexión convidada de honra pola Embaixada de España no país con motivo da celebración do 12 de outubro.
Esta programación, que combina gastronomía e música, péchase hoxe cun concerto de Luz Casal no centro cultural Palacio Libertad de Bos Aires, no que se prevé a asistencia de preto de 2.000 persoas. A artista galega porá así o broche de ouro ás actividades coas que Galicia amosou na Arxentina o mellor da súa identidade e dinamismo.
O Camiño de Santiago como símbolo da galeguidade universal
Durante o acto celebrado na Praza Rocha, o conselleiro salientou o carácter simbólico da futura mouteira do Camiño de Santiago, que —indicou— representará a unión entre Galicia e La Plata a través dun símbolo universal da galeguidade e da espiritualidade.
Engadiu que a mouteira servirá como testemuño da irmandade entre Galicia e A Arxentina, poñendo en valor a fonda pegada da emigración galega neste país e reforzando a proxección internacional do Camiño de Santiago como símbolo de encontro e fraternidade.
José González destacou tamén que esta iniciativa exemplifica a colaboración entre a Xunta de Galicia e a Municipalidade da Prata, traballando da man para continuar tecendo lazos culturais e institucionais entre territorios unidos por unha historia común de emigración.
Centro Gallego de la Plata
Posteriormente, o conselleiro visitou o Centro Gallego de La Plata, unha entidade histórica fundada en 1949 que, ao longo de máis de sete décadas, mantén viva a lingua, a cultura e as tradicións galegas.
González subliñou o papel destes centros como verdadeiros fogares da galeguidade, espazos de encontro, identidade e memoria que serven de ponte entre xeracións e entre Galicia e a súa diáspora. Durante o encontro, agradeceu o compromiso da colectividade galega e reiterou o apoio da Xunta a través de programas destinados a fortalecer as comunidades galegas no exterior, así como da Estratexia Galicia Retorna, que facilita o regreso das persoas que desexen desenvolver o seu proxecto vital e profesional na súa terra de orixe.
Galicia, convidada de honra da Embaixada de España
Este ano, a Embaixada de España na Arxentina escolleu Galicia como comunidade convidada de honra. Deste xeito, a programación de Saborea Galicia Calidade aproveita a proxección internacional deste recoñecemento para reforzar a presenza de Galicia no exterior e xerar novas oportunidades de colaboración económica e cultural. Ao mesmo tempo, consolida a imaxe da comunidade como unha rexión aberta, innovadora e competitiva no ámbito global.
Aos concertos sumáronse as catas celebradas o xoves pasado no Hotel Grand Brizo, a cargo do chef galego Manolo Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (Santa Comba, A Coruña). Estas actividades, dirixidas a público especializado, tiveron como obxectivo contribuír á visibilidade e internacionalización do bo facer da cociña galega.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés