9/set/2025

Turismo de Galicia pon en coñecemento do Concello de Vilagarcía os desperfectos do albergue de Carril e ínstao a que proceda ao seu arranxo

  • A Xunta lembra que o Executivo municipal é o titular do inmoble que foi cedido para o seu uso como albergue

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025

Turismo de Galicia dirixiuse esta mañá ao Goberno municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa para comunicarlle os desperfectos detectados no Albergue ‘Andrés Fernández García’. Estes deron lugar ao desprendemento de parte do forxado interior do teito e levaron  a ordenar o pasado venres o peche cautelar para garantir a seguridade dos usuarios.

O Concello de Vilagarcía é o propietario do inmoble que acolle o albergue de peregrinos e neste sentido, Turismo de Galicia insta ao goberno municipal a que repare os defectos detectados para que o albergue poida reabrirse e recuperar a súa normalidade o antes posible.

Nun escrito presentado esta mesma mañá no Concello de Vilagarcía de Arousa, Turismo de Galicia destaca  que tras recibir a cesión do inmoble de boa fe, baixo a presunción de que o inmoble estaba libre de defectos que impediran ou limitasen o uso de albergue, foi agora, tan só dous meses despois da súa posta en marcha, cando tras un uso normal das instalacións, se descubriron vicios ocultos graves que non podían ser advertidos mediante unha revisión dilixente previa á cesión.

Este efectos detectados -aclara a Xunta- existían con anterioridade á cesión do inmoble, non eran aparentes nin detectable nunha inspección ordinaria e reducen significativamente a seguridade e o uso como albergue de peregrinos.

O documento presentado no Concello de Vilagarcía ía acompañado do informe realizado por unha empresa externa especializada que detectou un proceso de fisuración no teito das instalacións, provocando o desprendemento de cascotes. O estudo non descarta que estes non se sigan desprendendo dando lugar a novos cascotes capaces de poñer en perigo a integridade dos usuarios.

Precisamente, Turismo de Galicia ordenou o peche destas instalacións o pasado venres despois de coñecer as conclusións deste informe, antepoñendo en todo momento a seguridade dos peregrinos. A Xunta espera poder reabrir o antes posible estas instalacións dirixidas a prestar servizo, sobre todo, aos peregrinos da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.