25/mai/2025

Unha delegación de Córdoba, Arxentina, visita Galicia para afondar na colaboración entre o Camiño de Santiago e o Camino del Cura Brochero

  • Estará encabezada polo gobernador da provincia, Martín Llaryora, e incluirá, entre outras accións, a oficialización da certificación dual entre ambos itinerarios xacobeos

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2025

Unha delegación da provincia arxentina de Córdoba visita Galicia a vindeira semana, co obxectivo de afondar no memorando de entendemento asinado en febreiro de 2023 para a difusión e promoción do Camiño de Santiago e o Camino del Cura Brochero. A representación institucional estará encabezada polo gobernador da provincia, Martín Llaryora.

A axenda da delegación para estes días inclúe a sinatura da constitución da Comisión Mixta para o desenvolvemento do memorándum de entendemento entre a Xunta de Galicia e o Goberno da Provincia de Córdoba, para traballar conxuntamente na promoción dos itinerarios o martes no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino. Pola parte arxentina, asinará o director da Agencia Córdoba Turismo, mentres que Galicia estará representada polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Neste mesmo acto presentarase a Certificación Dual para peregrinos que completen o Camiño de Santiago e o Camino del Cura Brochero. Tamén está prevista a colocación dunha placa conmemorativa do Camino del Cura Brochero no Monte do Gozo.

A actividade en Galicia incluirá varios encontros clave para o desenvolvemento das relacións entre a delegación arxentina e as organizacións involucradas nas rutas xacobeas en Galicia.  En concreto, terán a posibilidade de coñecer a xestión da Xunta de Galicia nos albergues públicos do Xacobeo. Realizarán un percorrido polo tramo do Camiño de Santiago que pasa pola parroquia de Ribadiso, tras do que se visitará o albergue público de peregrinos situado nesta localidade.

Tamén se afianzarán lazos coa Federación Europea do Camiño de Santiago (European Federation of Saint James Way) e a Agencia Córdoba Turismo. Mediante este novo convenio espérase desenvolver accións comúns en temas de itinerarios culturais de peregrinación.  Esta axenda está pensada para avanzar nas relacións entre os principais organismos encargados en Galicia e en Córdoba da xestión das respectivas rutas. Completarase con visitas a lugares senlleiros da capital galega, como a propia Catedral de Santiago de Compostela ou o Museo das Peregrinacións.

Irmandade

O memorando de entendemento entre o Camiño de Santiago e o Camino del Cura Brochero asinouse en febreiro de 2023, co obxectivo de colaborar na promoción e difusión das dúas rutas de peregrinación. En concreto, naquel momento fixáronse como pautas de actuación a desenvolver a promoción da ruta xacobea no país suramericano; a difusión da ruta arxentina e o seu impulso como etapa preparatoria do Camiño de Santiago; a organización conxunta de xornadas e exposicións ou a instalación dun marco da ruta Xacobea no Camino del Cura Brochero.

Durante o ano 2024, 5.000 Compostelas foron entregadas a habitantes da Arxentina, un 10% máis que en 2023, confirmando unha tendencia á alza na chegada de turistas deste país. O Camino del Cura Brochero consiste en 15 circuítos internos que suman 240 quilómetros a través das principais localidades polas que viviu o sacerdote José Gabriel del Rosario Brochero -beatificado polo Vaticano en 2013-. Involucra tres cidades: Villa Santa Rosa, onde naceu Brochero; a cidade de Córdoba, onde estudou; e Villa Cura Brochero, onde desenvolveu a súa obra pastoral e social.