A Xunta e os hoteleiros colaboran para crear o primeiro mapa de servizos do Camiño Portugués da costa ao seu paso por Vigo
- A delegada territorial, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentan as liñas de apoio do Goberno galego para promover a ruta xacobea
- “A nosa cidade segue sendo a única cidade de Europa que non ten o camiño sinalizado e centos de peregrinos pérdense nas nosas rúas”, sinalou Ortiz
- “Temos unha forte aposta por todos os itinerarios xacobeos, tendo moi presente que o Camiño Portugués da Costa medra máis do 18%“, apuntou Merelles
Vigo, 19 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron este luns aos hoteleiros da cidade as líñas de apoio do Goberno galego para promover o Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. Os representantes autonómicos anunciaron a colaboración co sector para crear o primeiro mapa de servizos do itinerario xacobeo na cidade olívica.
“Por desgraza, e a pesar das promesas, Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non ten a ruta sinalizada, polo que consideramos necesario ofrecer información aos peregrinos para que non se perdan polas nosas rúas”, sinalou Ana Ortiz antes do encontro que se celebrou no Hotel Attica21 Samil.
Durante a reunión, na que participaron representantes da Asociación Hoteleira de Vigo (Ahosvi) e da Federación Provincial de Turismo (Feprotur), presentouse ás directivas o plano da cidade onde detállase o perecorrido do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. O mapa incorpora tanto información turística con puntos de relevación para visitar como a situación de hoteis e lugares de aloxamento.
O director de Turismo de Galicia destacou o apoio da Xunta para mellorar e reforzar as empresas que forman parte deste itinerario, con distintas liñas de traballo, que supuxo unha axuda de máis de 1M€ para mellorar a eficiencia enerxética, mellorar os establecementos da cidade e impulsar proxectos tractores no Camiño de Santiago. Tamén recordou que a cidade foi beneficiaria dun dos Plan de Sostibilidade Turística incluidos no Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas termais deseñado pola Xunta con fondos europeos Next Generation, con máis de 2M€ para Bouzas.
Respecto dos datos do Camiño Portugués da Costa neste ano 2025, tanto o director de Turismo como a delegada sinalaron o gran potencial deste itinerario. Xosé Merelles recordou neste sentido a “forte aposta” da Xunta de Galicia para poñer en valor este itinerario “que está a medrar un 18%”. Pola súa banda, a delegada Ortiz sinalou que xa son máis de 20.000 os peregrinos que recolleron a Compostela, con datos que apuntan a outro ano de cifras históricas, indicou.
Outras novas
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado