O proxecto ULTREIA SUDOE avanza cara a promoción do turismo de interior mediante os Camiños de Santiago
- O establecemento de paradas informativas e a dixitalización dos itinerarios foron algúns dos puntos tratados nun recente encontro realizado entre os organismos asociados
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
Avances no proxecto europeo ULTREIA SUDOE para reactivar o turismo de interior e o desenvolvemento rural a través dos Camiños de Santiago. Isto despréndese do desenvolvemento da iniciativa, que vén de celebrar unha reunión entre os distintos socios en Potes, Cantabria, e na que se presentou unha estratexia compartida na que están implicados organismos de España, Francia e Portugal.
Este traballo colectivo quedou exemplificado na xuntanza mantida recentemente, na que se abordaron distintos aspectos da iniciativa. Un deles foi a planificación das ‘Paradas do Camiño’, espazos físicos nos que promocionar os recursos patrimoniais, turísticos, artesás e agroalimentarios de cada zona. Polo momento está previsto que se despreguen en cinco localidades dos tres países involucrados.
Entre as propostas comentadas está o proxecto de dixitalización dos Camiños a Santiago. A través desta iniciativa, instalaranse sensores para contabilizar o número de peregrinos que pasan por puntos concretos dos territorios participantes. Deste xeito, obteranse novos datos estatísticos a integrar cos que xa se acadan por outras vías. Outro dos temas abordados foi o desenvolvemento de grupos de traballo que faciliten a continuidade do proxecto.
Na reunión estivo presente persoal da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, organismo integrado en Turismo de Galicia, así como da Fundación Camino Lebaniego, a Asociación de Municipios del Camino de Santiago Francés, Amica e a Fundación Santa María la Real. Tamén participaron representantes de socios portugueses e franceses da iniciativa, como o Municipio de Vila Pouca de Aguiar, da Universidade NOVA de Lisboa e da Agence Française des Chemins de Compostelle.
O proxecto ULTREIA SUDOE iniciouse en 2024 e está previsto que se expanda ata fins de do 2026, coa vista posta no Xacobeo 2027. As dúas liñas principais de acción desenvoltas ata a data encamiñáronse á identificación de recursos materiais e inmateriais dos Camiños, así como á achega ao público dos recursos e valores das distintas rutas. O obxectivo final é promover o turismo de interior, á vez que se traballa a favor dos territorios rurais polos que discorren os itinerarios. A iniciativa conta cun orzamento de 1.407.300 euros, financiados nun 75% polo programa Interreg SUDOE.
Outras novas
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado