O futuro albergue de peregrinos de Dozón avanza co horizonte posto no Xacobeo 2027
- A licitación para a rehabilitación da casa reitoral da igrexa de San Salvador do Castro sairá publicada neste semestre
Dozón (Pontevedra), 20 de marzo de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles reuniuse hoxe co alcalde de Dozón, Adolfo Campos Vázquez, para informalo do proxecto do futuro albergue de peregrinos que se instalará no municipio. Na reunión tamén participou o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas.
En concreto, o albergue ocupará as instalacións da antiga casa reitoral da igrexa de San Salvador do Castro, situada no lugar do Castro. Actualmente o edificio non está en uso, manténdose nun estado de conservación deficiente, motivo polo que será preciso un fondo traballo de acondicionamento ata que se poida empregar para o aloxamento de peregrinos.
Deste xeito, Turismo de Galicia prevé, unha vez entregado o proxecto, licitar a contratación da obra este primeiro semestre para que execute ao longo de 2026 co obxectivo posto na celebración do vindeiro Xacobeo 27.
A localidade de Dozón está situada nunha das últimas etapas da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, a ruta xacobea de maior percorrido. A Vía da Prata foi a ruta elixida en 2024 por 9.028 persoas para realizar o Camiño, un 12% máis que no ano anterior. No que vai de 2025, o número de persoas que optaron polo Camiño Mozárabe incrementouse nun 46%.
Outras novas
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’