A rexión italiana de Lazio acolle unha mostra do Camiño coa que se estreita a relación coa Vía Francíxena de peregrinación a Roma
- Xosé Merelles inaugurou na capital de Italia a exposición promovida pola Federación Europea do Camiño de Santiago e Asociación Europea da Vía Francíxena
- O presidente da Xunta de Galicia asinará un memorando de entendemento entre a rexión de Lazio e o Goberno galego para a proxección conxunta das dúas rutas de peregrinación
Roma, 5 de febreiro de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta tarde no espazo cultural WeGil (Tratevere) da rexión de Lazio, en Roma, a exposición que leva por título Camiño de Santiago, primeiro itinerario cultural europeo, promovida pola Federación Europea do Camiño de Santiago e a Asociación Europea da Vía Francíxena.
Precisamente, a inauguración desta mostra enmárcase na viaxe institucional a Roma do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que ten como obxectivo a intensificación das relacións entre o Camiño de Santiago e a Vía Francíxena, que se ratificará coa sinatura de memorando de colaboración entre a rexión de Lazio e o Goberno galego para a proxección das dúas rutas de peregrinación.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que “os itinerarios de peregrinación a Roma e Compostela constitúen unha rede de cultura e espiritualidade que reforza a identidade de Europa”. Referíndose aos dous roteiros, o Camiño de Santiago e a Vía Francíxena, destacou que “son sinónimo de concordia, tolerancia, entendemento e coñecemento dos pobos, valores polos que vela o Consello de Europa”. Neste sentido, lembrou que a ruta xacobea foi declarada en 1987 como primeiro Itinerario Cultural Europeo, un recoñecemento tamén outorgado en 1994 á Vía Francíxena.
O director de Turismo de Galicia engadiu tamén que son “instrumentos poderosos de globalización e de desenvolvemento económico dos territorios, onde floreceron distintas e diversas actividades produtivas, creceron as cidades e proliferou a arte e a cultura”.
A exposición inaugurada en Roma está composta por 30 fotografías que reproducen distintos tramos do itinerario a Compostela onde destaca sobre todo o patrimonio natural e arquitectónico dos lugares que atravesa. Todas elas son imaxes dos territorios europeos que forman parte da Federación Europea do Camiño de Santiago: rexións, provincias, comunidades autónomas e concellos de Polonia, Ucraína, Lituania, Croacia, Italia, Países Baixos, Bélxica, Francia, España e Portugal.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés