17/dec/2024

O Son do Camiño revela os primeiros nomes do cartel encabezado por Kings of Leon, Duki e Bryan Adams que se celebrará en xuño co apoio da Xunta

  • Cunha asistencia anual próxima ás 130.000 persoas e un 41% de público internacional acadado en 2024, a cita congrega cada ano miles de asistentes no Monte do Gozo

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

O Son do Camiño vén de facer público o avance de cartel para a súa quinta edición en 2025 que inclúe un importante elenco de artistas e bandas internacionais e nacionais con nomes como Kings of Leon, Duki, Bryan Adams, Estopa, Bad Gyal, Mikel Izal, Franz Ferdinand e Amaral, entre outros.

A cita congrega cada ano, desde 2018, miles de asistentes ao Monte do Gozo e co apoio da Xunta de Galicia, sempre leal desde o seu inicio, estase a converter nun motor turístico e cultural da oferta urbana da capital de Galicia, en concreto, e tamén do destino en xeral.

O festival está considerado como o máis grande do norte da Península e un dos maiores festivais da historia de Galicia. A Xunta pretende así incrementar a calidade da oferta de artistas na súa intención de consolidar esta cita na capital de Galicia como un dos festivais referentes no territorio nacional.

Así, o pasado ano o 41% do público procedía de fóra de Galicia, concretamente de países como Reino Unido, Portugal, Suíza e Italia. Cunha asistencia anual próxima aos 130.000 asistentes, foi un dos dez festivais con maior afluencia do país en 2024.

38 actuacións en 2025

O Son do Camiño celebrarase do 12 ao 14 de xuño no Monte do Gozo e contará con 38 nomes, dos cales 23 actuarán nos escenarios principais e DJs no escenario SON Electro, que centrará a proposta festivaleira de música electrónica.

Tras esgotar 25.000 abonos fieis o pasado mes de novembro, as entradas para esta nova edición estarán dispoñibles a partir do xoves 19 de decembro, só na páxina oficial do festival (osondocamino.es).