16/set/2024

Rueda destaca a importancia do Xacobeo para a promoción e visibilidade de Galicia no mundo

  • O presidente da Xunta participou na presentación do libro ‘España. Sus catedrales y Santiago el Mayor por tierras de Compostela’
  • Salienta que permite proxectar a imaxe da Comunidade como unha terra hospitalaria, cun turismo sustentable e un gran patrimonio cultural e natural
  • A través do Plan Catedrais de Galicia a Xunta inviste máis de 38 millóns de euros en melloras en cinco catedrais e dúas concatedrais

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde a importancia do Xacobeo para a promoción e visibilidade de Galicia no mundo. Tal e como salientou o responsable do Executivo autonómico, esta é unha parte fundamental da imaxe que a Comunidade proxecta como unha terra hospitalaria, cun turismo sustentable que axuda a dinamizar a economía e a sociedade e cun gran patrimonio cultural e natural.

Así o sinalou na presentación do libro España. Sus catedrales y Santiago el Mayor por tierras de Compostela, de José Manuel García Iglesias, celebrada no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Durante a súa intervención, Rueda fixo fincapé en que as catedrais de Galicia son unha parte fundamental do patrimonio, e por iso, a Comunidade conta co Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 para a reforma das cinco catedrais e as dúas concatedrais.

Este plan está dotado con máis de 38 millóns de euros, coa finalidade de que estes monumentos estean no mellor estado posible de cara ao Xacobeo 2027. Con este investimento, tal e como destacou o presidente da Xunta, Galicia amosa o seu forte compromiso co patrimonio galego como unha fonte de riqueza cultural e económica.

No acto Rueda destacou o labor de difusión do patrimonio histórico e cultural de Galicia desenvolvido por José Manuel García Iglesias, catedrático de Historia da Arte e profesor emérito da USC. No libro fálase de oito catedrais (Astorga, Zamora, Salamanca, Ciudad Rodrigo, Ávila, Plasencia, Coria e Badaxoz), todas elas vinculadas á Vía da Prata e que achegan un xeito diferente de comprender e valorar a Santiago o Maior atendendo ao momento e ao lugar.