30/xul/2024

Rueda e López Miras reforzan a colaboración ao redor dos camiños de Santiago e da Vera Cruz

  • O presidente visitou Caravaca de la Cruz con motivo da celebración do seu Ano Xubilar
  • O titular do Executivo galego destaca “o crecemento exponencial” do Camiño desde 1993, tras ter multiplicado por máis de 4 o número de peregrinos desde ese ano no que foi recoñecido como Patrimonio da Humanidade
  • Avanza que se espera “bater un novo récord” de peregrinos a Santiago no Xacobeo 2027

Caravaca de la Cruz (Murcia), 30 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da Rexión de Murcia, Fernando López Miras, acordaron hoxe reforzar a colaboración na promoción e xestión dos camiños de Santiago e da Vera Cruz. Para facelo, asinaron esta mañá un novo protocolo entre ambas comunidades co obxectivo de cooperar en iniciativas vinculadas a ambas rutas.

Esta sinatura produciuse no marco dunha visita institucional do titular do Executivo Galego a Caravaca de la Cruz, con motivo da celebración do seu Ano Xubilar. Alí, destacou que “son moitos” os puntos en común entre a capital galega e a localidade murciana, como que son dous dos únicos cinco lugares do mundo nos que se pode gañar o Xubileo, unha cuestión que, segundo o presidente, “marca moita identidade e dá moitísimas oportunidades”.

Rueda considerou que será beneficioso aproveitar e intercambiar experiencias e visións sobre ambos camiños, e puxo en valor as peregrinacións como “fenómeno relixioso” e tamén turístico.

Neste sentido, lembrou que o Camiño de Santiago ten rexistrado un “crecemento exponencial” desde 1993, data na que recibiu o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. De feito, desde ese ano, multiplicáronse máis que por catro o número de peregrinos, que en 2023 chegaron aos 446.000. No que vai de ano, xa superaron os 260.000, isto é, un 15% máis que no mesmo período do ano pasado.

O presidente da Xunta destacou tamén a importante internacionalización do Camiño, coa previsión de que “o número de peregrinos estranxeiros vai superar con moito” aos nacionais.

Con estas cifras como base, o presidente galego considerou que no próximo Xacobeo, de 2027, “vaise bater un novo récord”. Para ter todo preparado, a Xunta xa está traballando na organización, investindo no camiño, albergues e tamén na colaboración co tecido privado.