17/out/2023

Rueda reúnese co embaixador de Malta en España para ampliar as relacións vencelladas co Camiño de Santiago e analizar posibles alianzas pesqueiras

  • As exportacións galegas a este país concéntranse no sector téxtil, cun 59 % das operacións, aínda que o naval foi o máis notable desde 1995 ata a actualidade, superando o 21 % das exportacións totais

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu hoxe o embaixador da República de Malta en España, Daniel Azzopardi, nun encontro para continuar afianzando e ampliando as relacións vencelladas co Camiño de Santiago e no que tamén se analizaron posibles alianzas en materia pesqueira.

O mandatario autonómico estivo acompañado nesta reunión polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mentres que o embaixador acudiu co cónsul honorario de Malta en Galicia, Gabriel Baltar Giraud, e co embaixador de España en Malta, José María Muriel Palomino.

No encontro afondouse na especial relación de Malta coas rutas xacobeas. Precisamente, Azzopardi iniciou unha investigación, tras realizar o Camiño de Santiago no verán de 2021, que o levou a descubrir evidencias de que antes do século XVII os antigos Cabaleiros da Orde de Malta tiñan establecidas rutas de peregrinación a Compostela. Isto desencadeou na creación do Camiño Maltés a Santiago, que se inaugurou o pasado 25 de xullo coa instalación dunha mouteira xacobea enviada desde Galicia no forte de San Ángelo (Birgu, Malta), xa que é o punto de partida desta ruta, que non é oficialmente recoñecida, pero si que está impulsada pola Asociación Amigos do Camiño de Santiago.

Cómpre lembrar que Malta tamén comparte con Galicia aspectos coincidentes en materia pesqueira, baseados na sustentabilidade, na conservación da biodiversidade ou no necesario e axeitado relevo xeracional. Todos estes aspectos comúns foron abordados neste encontro de cara a analizar posibles alianzas neste eido no ámbito europeo.

Exportacións galegas a Malta

Hai que salientar que a balanza comercial de Galicia con Malta é positiva. Así ,no ano 2022, as exportacións galegas concentráronse no sector téxtil que aglutinou o 59 % das operacións. No entanto, nos datos históricos acumulados desde 1995 ata xullo de 2023, o sector naval foi o máis notable, superando o 21 % das exportacións totais.