Rueda destaca o Camiño de Santiago como “escola de vida” e salienta o papel da educación para concienciar ás novas xeracións sobre os valores desta ruta
- O presidente da Xunta participa na entrega da segunda edición dos premios Escola en Camiño
- Asegura que a ruta xacobea é “una experiencia incrible” na que “sempre se aprende”
- Salienta a importancia de que os rapaces de hoxe en día coñezan a importancia do Camiño para axudar a difundir o seu valor
Vigo, 17 de outubro de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, definiu hoxe o Camiño de Santiago coma “unha escola de vida” na que sempre “se aprende” e destacou o papel da educación á hora de concienciar ás novas xeracións sobre o valor cultural, social e económico desta ruta de peregrinación. O titular do Goberno galego participou na entrega dos premios Escola en Camiño en Vigo e salientou a importancia de iniciativas coma esta para que os rapaces coñezan a riqueza patrimonial da comunidade e para difundir “unha das grandes cousas das que temos que presumir” en Galicia.
Na súa intervención, Rueda resaltou que a ruta xacobea é o mesmo que falar de “cultura” e de “aprender”. “Facendo o Camiño apréndese a convivir, a entender coma se construíron as grandes rutas europeas e tamén a superarse”, resaltou o presidente, quen animou aos alumnos presentes a realizar esta ruta de peregrinación xa que é “unha experiencia incrible” e sempre diferente da que poder desfrutar “en familia, cos amigos ou cos compañeiros de clase”.
Rueda agradeceu o labor dos máis de 2.000 alumnos participantes de toda Galicia por contribuír a promover o valor patrimonial da ruta xacobea, aos centros educativos que lles axudaron na aprendizaxe da importancia do Camiño e aos xornais – Faro de Vigo e La Opinión A Coruña- que organizan estes premios por difundir os traballos dos gañadores.
Por último, o presidente salientou os bos datos que está a rexistrar o Camiño de Santiago no que va de ano con 50.000 peregrinos en Vigo e con máis de 412.000 compostelas rexistradas e cifras por riba do histórico 2022 na maioría dos meses.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés