Rueda salienta a aposta de Galicia por un turismo sostible da man da enogastronomía co obxectivo de consolidarse como destino de referencia na década xacobea
- Salienta o balance positivo do Xacobeo e do turismo en xeral na Comunidade e prevé cifras aínda máis optimistas coincidindo cos Anos Santos do 2027 e do 2032
- Subliña que o modelo turístico galego coincide co que demandan os visitantes do século XXI e cos parámetros de calidade e sustentabilidade que esixe a Unión Europea: “Galicia está de moda”, recalcou
Madrid, 20 de xaneiro de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta a aposta de Galicia por un turismo sostible da man da enogastronomía co obxectivo de consolidarse como destino de referencia na década xacobea. O mandatario galego asegurouno na súa visita hoxe á feira internacional de turismo Fitur, onde interveu na presentación da campaña Galicia, unha viaxe enogastronómica e sustentable e no acto do décimo aniversario do Clúster Turismo de Galicia.
O presidente da Xunta destacou os datos positivos do turismo en Galicia nos últimos anos malia a pandemia e a crise económica mundial. Fíxoo da man dun Xacobeo histórico que pechou cun récord de 438.000 peregrinos procedentes de 180 países e cun volume de viaxeiros ata o de agora nunca alcanzado, con 6,3 millóns de persoas que visitaron a Comunidade no 2022. En especial fixo referencia á campaña Camiña a Galicia que, da man de Xoel López e da súa música, quedará no recordo como unha das de maior impacto na promoción de Galicia.
O presidente da Xunta recordou que se presentan outras oportunidades únicas para regresar a Galicia nesta década xacobea na que volverán a ser santos os anos 2027 e 2032, polo que augurou cifras aínda máis optimistas porque, recordou, “Galicia está de moda”.
O mandatario galego indicou que boa parte dese éxito débese a que Galicia xa coidaba antes da pandemia aspectos que agora demandan os turistas do século XXI e que se axustan aos parámetros de calidade e sustentabilidade que esixe a Unión Europea, como o turismo tranquilo, o coidado da natureza ou o respecto polo medio ambiente. “Galicia é verde”, indicou o presidente da Xunta, quen abundou tamén en que ao turismo galego se lle poden aplicar as 4 R da sustentabilidade: reduce trafego, recupera patrimonio, recicla o estrés e reutiliza experiencias gastronómicas. Indicou que esta mesturanza de enogastronomía e turismo sostible figura en apostas como a Ruta dos Viños, o turismo náutico e deportivo ou o termalismo, numerosas experiencias que levan o selo de Galicia Calidade.
Alfonso Rueda invitou en Fitur a desfrutar desta década xacobea e a camiñar a Galicia os que aínda non o fixeran. E os que si, a repetir, “porque o que visita Galicia sempre volve”, asegurou.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas