Rueda destaca o compromiso da asociación DisCamino na consecución dun camiño inclusivo e igualitario
- O presidente da Xunta recibiu hoxe na praza do Obradoiro ao grupo de peregrinos da entidade que finalizaron a súa ruta desde Pamplona
- Amosou o seu apoio por este tipo de iniciativas esforzándose en eliminar as barreiras das rutas xacobeas e adaptar os albergues
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá o compromiso da Asociación DisCamino na consecución dun Camiño inclusivo e igualitario, logo de recibir na praza do Obradoiro a un grupo de membros da entidade que percorreron a ruta desde Pamplona.
Os participantes da peregrinación iniciaron o traxecto desde a capital navarra en triciclo-tándem e handbike, dentro do seu labor a favor da inclusión da ruta xacobea, dos valores do deporte, do esforzo e do Camiño como unha vía de superación persoal. Trátase dunha aposta compartida pola Xunta de Galicia, que nos últimos anos leva feito un esforzo por eliminar barreiras e adaptar os albergues, ademais de favorecer o encontro a través deste tipo de experiencias.
En recoñecemento a ese labor, o pasado 24 de xullo a Asociación DisCamino recibiu a Medalla de Galicia, a máxima distinción da Comunidade. En 2021, a Xunta promoveu a candidatura da asociación ao Premio Princesa de Asturias da Concordia.
DisCamino conta con máis de 90 voluntarios que posibilitaron que, ata o de agora, máis de 100 persoas con discapacidade puidesen vivir a experiencia do Camiño. A entidade, encabezada por Javier Pitillas, comezou a súa andaina no ano 2009 para cumprir o desexo das persoas con discapacidade de peregrinar ata Santiago de Compostela.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés