27/set/2021

Román Rodríguez destaca a contribución da novela histórica para divulgar os valores do Camiño de Santiago ao gran público

  • Salienta a importancia de reunir neste ciclo a autores referentes do xénero como Isabel San Sebastián, Antonio Pérez Henares, Juan Eslava Galán ou Emilio Lara para “seguir avanzando no necesario coñecemento da Ruta Xacobea en todos os eidos”
  • Organizado pola asociación Escritores con la Historia co patrocinio da Xunta, continuará ata o xoves no Museo das Peregrinacións e de Santiago con asistencia gratuíta ata completar aforo

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou hoxe o traballo que a novela histórica está a facer por divulgar e promover o Camiño de Santiago entre o gran público. Así o manifestou na inauguración do ciclo de conferencias xacobeas Santiago, historias dun Camiño prodixioso, coordinado pola escritora e xornalista Isabel San Sebastián co patrocinio da Xunta, que reúne ata o xoves a destacados autores referentes do xénero.

O conselleiro referiuse á propia Isabel San Sebastián, como ao resto de relatores -os escritores Antonio Pérez Henares, Juan Eslava Galán e Emilio Lara- como “un grupo prestixioso e culto que alcanzou a excelencia literaria”. Asegurou que darán mostras de como se pode converter a Historia en material central nos seus textos aunando o rigor intelectual co entretemento “sen renunciar a unha vocación académica para achegar a realidade histórica do Camiño a miles de lectores”.

Neste sentido, referiuse á evolución da Ruta Xacobea como experiencia social, espiritual e cultural que, con gran esforzo académico se está a documentar “descubrindo novas facetas ata agora inéditas dando mostra do vivo que está o Camiño de Santiago e reforzan a necesidade de continuar co seu estudo, en todos os eidos, tamén desde o ámbito da ficción”, engadiu.

O ciclo -organizado pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia no marco do 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago- arrincou hoxe coa participación de Isabel San Sebastián e a conferencia Alfonso II, o primeiro peregrino. As conferencias continúan ata o xoves, sempre ás 19,00 horas, de asistencia gratuíta ata completar aforo.

Conferencias ata o xoves

Mañá martes 28 será a quenda do escritor e xornalista Antonio Pérez Henares coa conferencia Os cabaleiros de Santiago. Experto no xénero, a súa última novela do xénero é Cabeza de vaca, sobre a figura do conquistador español que cruzou a pé Florida ata o Pacífico e México. Escribiu tamén varios libros de viaxes e é, ademáis, presidente da Asociación Escritores con la Historia.

O autor de obras como o Premio Planeta En busca del Unicornio, Juan Eslava Galán participará o mércores 29 de setembro coa conferencia Os meus Camiños de Santiago. A súa carreira como escritor suma un cento de libros principalmente novelas e ensaios históricos. Os seus últimos libros son Una historia de la Guerra Civil ou La Conquista de América Contada para Escépticos.

O ciclo rematará o xoves 30 con Emilio Lara e a súa conferencia O Camiño e a aventura de Europa. Na súa traxectoria literaria publicou catro novelas: La cofradía de la Armada Invencible, El relojero de la Puerta del Sol, Tiempos de Esperanza e Centinela de los sueños, que o fixeron merecedor de numerosos premios.

O ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso enmárcase nas distintas actividades conmemorativas do 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que inclúe unha programación variada e dirixida a todas as idades. A Xunta busca así fomentar o papel estratéxico do museo na divulgación xacobea, especialmente coincidindo co dobre Ano Santo que se celebra en 2021 e 2022. Para iso, a programación especial desta efeméride inclúe visitas teatralizadas, obradoiros de oficios tradicionais, conferencias, concertos e exposicións neste último trimestre do ano.