Román Rodríguez abre liñas de colaboración con institucións europeas para implicalas na celebración do Xacobeo 2021
- O conselleiro de Cultura e Turismo departiu en Bruxelas co comisario europeo de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte, Tibor Navracsis
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2019
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, completou unha ampla axenda de traballo para unir esforzos entorno ao Xacobeo 2021, non só a nivel autonómico e nacional senón tamén internacional. Neste sentido, o titular autonómico mantivo un encontro en Bruxelas co comisario europeo de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte, Tibor Navracsis, co fin de analizar a presenza das institucións comunitarias nas celebración deste evento.
Xunto co equipo de Navracsis, o conselleiro trasladou a importancia da implicación da Unión Europea para impulsar o Camiño de Santiago como punto de encontro de culturas no marco do vindeiro Ano Santo, un acontecemento que aspira a superar fronteiras e ter un carácter internacional. Para iso, formuláronse posibles vías de colaboración entre as que se atopa a celebración en Galicia de reunións de diferentes foros especializados en patrimonio e turismo.
Así mesmo, Román Rodríguez reuniuse na Representación Permanente de España na Unión Europea, onde puido conversar co embaixador Juan Arístegui Laborde. Un encontro no que fixo fincapé na relevancia de que o Xacobeo 2021 sexa un tema presente na axenda dos distintos organismos europeos.
Actos institucionais en Bruxelas
Ademais destas reunións, Román Rodríguez participou en diferentes actos durante a súa viaxe institucional a Bruxelas. Entre eles na apertura da mostra Camiñar, Camiñamos..., unha peregrinación fotográfica polo tramo galego do Camiño Francés realizada polo fotógrafo Adolfo Enríquez. Á visión da paisaxe que recolle a exposición, súmase a vivencia e o carácter humano da propia peregrinación e o legado cultural que atesoura o Camiño de Santiago.
Por outra banda, onte presidiu a colocación dunha mouteira do Camiño de Santiago na entrada de visitantes do Parlamento Europeo, un fito simbólico que recorda que en Europa é moito máis o que nos une que o que nos separa, onde comparte xa espazo cun anaco do Muro de Berlín.
Outras novas
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata