Román Rodríguez destaca a dimensión e interese internacional do Camiño de Santiago
- O conselleiro de Cultura e Turismo participou esta tarde no Museo das Peregrinacións na presentación de ‘L’altare argenteo di San Iacopo a Pistoia’
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2019
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta tarde no Museo das Peregrinacións e de Santiago na presentación do libro Avvicinatevi alla Bellezza. L’altare argenteo di San Iacopo a Pistoia, da investigadora Lucia Gai e o fotógrafo Nicolò Begliomini.
O conselleiro destacou a calidade desta obra, que se ofrece en edición bilingüe italiano-castelán, dada ao prelo por Giorgio Tesi Editrice, e que valorou como “unha boa mostra do interese e a importancia que o Camiño esperta no querido país transalpino”. “Galicia e Santiago de Compostela ‒explicou Román Rodríguez‒ son a meta, pero as orixes e ramificacións da historia xacobea son multitude, tendo moitas delas a súa orixe en Italia”.
O titular de Cultura rematou a súa intervención afirmando que “a investigación humanística debe xogar o seu papel para aquilatar a celebración con rigor científico e valioso coñecemento” e convidando á delegación italiana, encabezada polo Arcipreste da Catedral de Pistoia, Luca Carlesi; o presidente do Centro italiano de Estudos Compostelanos, Paolo Caucci; o fotógrafo coautor do libro, Nicolò Begliomini; o asesor de Turismo do concello de Pistoia, Alessandro Sabela; e o presidente de Giorgio Tesi Group, Fabrizio Tesi, a participar no vindeiro Xacobeo 21.
O Altar de Santiago na Catedral de Pistoia é unha das meirandes obras de ourivería litúrxica realizadas. A peza cumpre a función de sagrario, ao albergar unha reliquia do Apóstolo que Diego Xelmírez lle fixo entrega a san Atón, bispo de Pistoia, a comezos do século XII. Esta obra de arte foi executada e modificada por 17 grandes mestres entre 1287 e 1456 e na actualidade configúrase como un dos símbolos identitarios máis importantes desta cidade, coñecida popularmente como a pequena Compostela italiana.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés