A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo completa a reorganización administrativa e funcional da súa estrutura
- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, pasa a integrar e presidir o Consello de Administración, mentres que a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, como conselleira delegada, asume a dirección da entidade
- Contará con Isaías Calvo como novo director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2019
O Consello de Administración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo reuniuse hoxe co obxectivo de completar a reorganización administrativa da súa estrutura, buscando a unificación e coordinación das distintas tarefas que este organismo ten encomendadas.
Como parte desta renovación, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, pasa a integrar e presidir o Consello de Administración, mentres que a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, asume como conselleira delegada a dirección da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que renovou os seus estatutos. Esta remodelación forma parte do proceso de planificación impulsado nos últimos meses e que busca sentar as bases da celebración do Ano Santo, un evento que o Goberno galego considera estratéxico para a Comunidade. Estes reaxustes organizativos complétanse co nomeamento de Isaías Calvo como director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
O Goberno autonómico da así un paso máis no novo marco institucional e administrativo do Xacobeo 21, no que se enmarcan a creación da comisión organizadora, coa presenza de diversos departamentos da Xunta e doutras institucións públicas, ademais da Igrexa; a constitución dun comisariado e a creación da Consellería de Cultura e Turismo, que está a configurar a súa estrutura de funcionamento desde unha perspectiva de funcionalidade e racionalidade administrativa.
Isaías Calvo
O novo director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Isaías Calvo, é licenciado en Dereito pola Universidade de Navarra e en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, conta co Certificado de Estudos Europeos da Cátedra Jean Monnet da Universidade de Navarra e está especializado en asuntos comunitarios polo Instituto de Estudos Europeos da Universidade Libre de Bruxelas. Nos últimos anos desempeñou diversos cargos na Administración autonómica. Actualmente traballa na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés