‘O Camiño de Santiago debuxado’ rende homenaxe ao itinerario francés como Patrimonio Mundial no Museo das Peregrinacións
- A exposición, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, dá continuidade ao ano do 25 aniversario do recoñecemento da Unesco que se conmemorou en 2018 e pode visitarse ata o 27 de xaneiro en Santiago de Compostela
- Inspirado no Códice Calixtino, o ilustrador gaditano Joaquín González Dorao ofrece as súas vivencias persoais da peregrinación a modo de libro de viaxe
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2019
Coincidindo co ano do 25 aniversario do recoñecemento ao Camiño Francés como Patrimonio Mundial da Unesco que se conmemorou en 2018, a Consellería de Cultura e Turismo vén impulsando a exposición O Camiño de Santiago debuxado, que permanece no Museo das Peregrinacións e de Santiago da capital galega durante este mes de xaneiro.
Inspirado no Códice Calixtino, o ilustrador gaditano Joaquín González Dorao recolle as súas vivencias nunha serie de ilustracións e acuarelas que conforman un libro de viaxe no que retrata o seu percorrido polos diferentes concellos do Camiño Francés desde Roncesvalles a Santiago de Compostela.
A exposición, baseada nunha publicación de Patito Editorial, consta dunha selección de 25 pezas nas que reflicte as súas vivencias en distintos pobos e cidades polas que atravesa este itinerario xacobeo, que escollen seis de cada dez peregrinos que chegan a Galicia.
O Camiño de Santiago debuxado mantense aberta no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o 27 de xaneiro de martes a venres de 9,30 a 20,30 horas; os sábados de 11,00 a 19,30 horas e os domingos e festivos de 10,15 a 14,45 horas.