4/xul/2018

Carmela Silva informa na Mesa do Camiño da posta en marcha de varias melloras en infraestruturas provinciais en materia de mobilidade e seguridade peonil

  • A presidenta da Deputación de Pontevedra destaca o repunte de visitantes que está a rexistrar o tramo provincial do Camiño Portugués e da Costa

Pontevedra, 4 de xullo de 2018

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou na Mesa do Camiño das actuacións que a institución provincial vai a acometer en tres viais provinciais que percorren tramos do Camiño así como das últimas cifras de repunte das persoas que están a facer o tramo portugués que pasa pola provincia de Pontevedra. Así Silva destacou que o tramo Portugués tanto pola costa como polo tradicional "aumentou entre xaneiro e xuño que creceu nun 15 por cento as e os usuarios e no caso da Costa duplicou as persoas visitantes e a Vía da Prata creceu nun tres por cento, en canto o Camiño do Inverno creceu nun dous por cento".

A Mesa do Camiño está conformada pola Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e os concellos de Barro, Soutomaior, Nigrán, Caldas de Reis, Portas, Pontecesures, Baiona, A Guarda, Vilaboa e Tui e pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués. Na xuntanza de hoxe estiveron presentes os alcaldes de Barro, Xosé Manuel Abraldes; Soutomaior, Agustín Reguera; e de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, ademais de concelleiros e concelleiras dos outros concellos; o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores; e Rafael Sánchez, xerente do Xacobeo.

A presidenta da Deputación tamén informou os presentes que ten solicitado unha entrevista co novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para "traballar de cara a que as infraestruturas que dependen do Goberno central estean en óptimas condicións xa que non podemos esquecer que o ano 2021 é Xacobeo e polo tanto as infraestruturas da Deputación, da Xunta e do Goberno teñen que estar como unha patena", recalcou Silva.

Con respecto a sinalización a presidenta informou que o proxecto que desenvolve a Deputación prevé unha mellora "substancial do Camiño Portugués" en todas as infraestruturas dependentes da institución provincial. Igualmente Carmela Silva tamén realizou unha breve referencia ás distintas promocións que desde a institución provincial desenvolvéronse nas localidades de Madrid, Córdoba, Porto e Braga e na feira de Fitur onde o Camiño Portugués na provincia tivo un importante protagonismo.  

Por último, Carmela Silva destacou a súa satisfacción polo descorrer da Mesa do Camiño que vai asumindo todos os compromisos acadados durante os últimos anos e mantén un vínculo trimestral de información entre todas as administracións presentes "traballando de xeito unido para mellorar a promoción e as infraestruturas dos concellos polos que percorre o Camiño na provincia".