O Goberno galego impulsa a realización da maior obra de investigación sobre a Catedral de Santiago cara ao Xacobeo 2021
- Feijóo avanza que o estudo contará coa participación de historiadores, especialistas na historia da arte, arqueólogos, arquitectos, restauradores e teólogos, entre outros
- Sinala que o estudo, que se publicará en dous volumes en 2020, incluirá todos os descubrimentos que se fixeron durante o proceso de restauración da Catedral e axudará a comprender o templo e as súas circunstancias históricas
- Afirma que o traballo, que aspira a converterse nun estudo de referencia a nivel internacional, abordará a construción da Catedral, a súa evolución ao longo dos séculos e a súa relación coa cidade e o Camiño de Santiago
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a colaboración coa Catedral de Santiago na realización da maior obra de investigación sobre este templo.
Así, tras autorizar hai dous meses un acordo coa Catedral para clasificar a documentación sobre o Camiño de Santiago que está no arquivo catedralicio, a Xunta achegará 210.000 euros para investigar e afondar na historia do santuario, contando coa participación de historiadores, especialistas na historia da arte, arqueólogos, arquitectos, restauradores e teólogos, entre outros.
Segundo detallou o xefe do Executivo galego, o estudo, que se publicará en dous volumes en 2020, incluirá todos os descubrimentos que se fixeron durante a restauración da Catedral así como o propio proceso de rehabilitación.
Trátase dunha obra coral que axudará a comprender o templo e todas as circunstancias históricas e culturais arredor del, aspirando así a converterse nun estudo de referencia a nivel internacional.
O traballo, que abordará a construción da Catedral, a súa evolución ao longo dos séculos e a súa relación material e inmaterial entre o templo, a cidade e o Camiño de Santiago, pretende ser herdeiro das investigacións do medievalista americano Kenneth John Connant, un dos escasos académicos que no século XX fixeron achegas integrais ao santuario.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés