A Xunta expresa o seu pesar pola morte do profesor Simon Barton, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago
- Este destacado investigador salientou pola súa difusión da ruta xacobea en Gran Bretaña, onde colaborou con Turismo de Galicia en diversas actividades
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2017
A Xunta de Galicia ten recibido con gran pesar a noticia do falecemento, en días pasados, do profesor Simon Barton que desde 2014 formaba parte do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, onde tiña desenvolvido neste período unha importante achega pola súa valía intelectual e persoal.
Destaca a súa tarefa na difusión do Camiño de Santiago en Gran Bretaña, onde colaborou con Turismo de Galicia, en diversas actividades e agora na súa nova etapa en Florida, Estados Unidos, comezaba tamén este labor divulgador da peregrinación xacobea. Formaba parte do consello editorial da revista Ad Limina na que tamén participaba, así como nos últimos congresos organizados polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, María e Iacobus nos camiños xacobeos (2015) e Jacobus patronus (2017).
O profesor Simon Barton (1962) foi catedrático de Historia Medieval na University of Exeter (Reino Unido) e desde principios de 2017 profesor na University of Central Florida (USA). Foi autor, entre outras obras, de Conquerors, Brides, and Concubines: Interfaith Relations and Social Power in Medieval Iberia; A History of Spain; Cross, Crescent and Conversion: studies on medieval Spain and Christendom in memory of Richard Fletcher; The world of El Cid ou a que foi a súa tese de doutoramento, The aristocracy in twelfth-century León and Castile.
Ten recibido recoñecementos honoríficos e premios como o de presidente da Society for the Medieval Mediterranean, conselleiro da Royal Historical Society, gañador do Premio del Rey concedido por The American Historical Association, membro de The Royal Historical Society e académico correspondente da Real Academia Matritense de Heráldica e Xenealoxía.
Turismo de Galicia expresa o seu pesar por esta perda, que se engade á de Robert Plötz o pasado verán, e priva a Galicia e ao Camiño de Santiago dun excelente investigador e divulgador, ao tempo que transmite á súa familia e amigos o seu pésame e solidariedade.
Outras novas
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado