A Xunta inviste preto de 760.000 euros nas obras de mellora, acondicionamento e sinalización do Camiño a Fisterra-Muxía
- Os traballos benefician aos dez concellos polos que discorre o epílogo da ruta xacobea, grazas a un proxecto cofinanciado ao 80 por cento con fondos Feder
- O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, evocou o interese dos primeiros peregrinos por continuar a ruta do sol e chegar, alén de Santiago, á fin da terra
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2017
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras para a mellora, acondicionamento e sinalización do Camiño Fisterra-Muxía que se están a levar a cabo en diferentes tramos, e nas que a Xunta de Galicia inviste preto de 760.000 euros. Trátase dun proxecto cofinanciado ao 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
O Camiño de Fisterra–Muxía, discorre dende Santiago de Compostela ata Fisterra e Muxía, ao longo de 148,08 quilómetros, sendo a única ruta con orixe en Santiago. A súa meta é Fisterra ou Muxía, calquera dos dous, lugares de gran simbolismo e vinculacións xacobeas onde outrora situábase o fin do mundo coñecido. Divídese nos seguintes catro tramos: Santiago de Compostela-Olveiroa (60,680 quilómetros), Olveiroa-Fisterra (29,020), Olveiroa-Muxía (26,620), e Muxía-Fisterra (31,760). O conxunto do camiño atravesa os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Muxía e Fisterra. En todos eles están previstas obras de acondicionamento derivadas do proxecto que hoxe visitou o delegado territorial.
O obxecto da actuación é describir e valorar as obras necesarias para acondicionar e mellorar o estado de conservación de varios tramos do Camiño de Fisterra-Muxía. Así mesmo, acométense unha serie de actuacións encamiñadas á mellora da sinaléctica do Camiño, coa intención de completar unha recuperación e potenciación do Camiño de Fisterra-Muxía ao seu paso polos distintos municipios como un recurso cultural, económico, turístico e de comunicación.
Ovidio Rodeiro sinalou que “desde a máis remota antigüidade, todos os pobos e todos os viaxeiros que se achegaron a Compostela sentiron desexos de proseguir a ruta do sol, de chegaren á fin da terra, o último reduto de terra coñecida daquela”, polo que destacou que “o compromiso da Xunta de Galicia coa Costa da Morte “facía de este proxecto, máis que una necesidade, unha obriga”.
Outras novas
-
Tue Nov 10 20:00:00 CET 2026
Rueda anima aos brasileiros a vivir a experiencia do Camiño de Santiago con motivo do Xacobeo 2027
-
Thu Nov 05 09:00:00 CET 2026
A Xunta reúne en Tui a expertos internacionais para analizar o pasado, presente e futuro do Camiño Portugués