6/ago/2017

Nava Castro recibe aos pasaxeiros do primeiro Tren Peregrino tras rematar o seu percorrido polo Camiño Portugués

  • Os viaxeiros partiron de Madrid e chegaron hoxe á estación de ferrocarril da capital galega despois de realizar varias etapas do Camiño de Santiago e visitar diferentes localidades das Rías Baixas aloxados nunha cabina de gran clase nun tren-hotel
  • Aqueles participantes que completaron polo menos 100 quilómetros a pé durante a viaxe recibiron a Compostela como acreditación de culminar a súa peregrinación
  • O Tren Peregrino ten programadas tres saídas máis ao longo deste mes de agosto

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2017

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe aos viaxeiros do primeiro Tren Peregrino, que chegaron a Santiago de Compostela despois de percorrer o Camiño Portugués. Esta proposta turística, que ten lugar por terceiro verán consecutivo, ten aínda tres saídas máis programadas ao longo deste mes. Serán os días 10, 17 e 24 de agosto, con Madrid como punto de orixe e remate na capital de Galicia tras realizar unha travesía de catro días e cinco noites polo Camiño de Santiago.

Esta é a primeira edición na que o Tren Peregrino circula polo Camiño Portugués, o segundo itinerario xacobeo máis transitado tras o Camiño Francés. So neste ano, o fixeron xa máis de 30.000 peregrinos, o que supón preto do 20% do total de camiñantes. Os viaxeiros que así o desexaron puideron percorrer a pé ou en bicicleta as últimas etapas do Camiño Portugués.

A viaxe, durante a que os participantes aloxáronse nunha cabina de gran clase, atravesou as poboacións de Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Arcade, San Amaro, Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove, Caldas de Rei, Valga, Padrón ou Teo. Desde a estación na que o tren se detén ata o punto de inicio de cada etapa da ruta xacobea, os viaxeiros son trasladados en autobús. Ao final, poden obter a Compostela dado que as etapas programadas acadan os quilómetros suficientes que a Oficina do Peregrino esixe para poder obter este documento.

Aqueles participantes que prefiren non realizar ditas etapas, dispoñen dunha selección de excursións, actividades e outras visitas que completan a viaxe a bordo do tren-hotel.

Éxito da oferta de trens turísticos

O Tren Peregrino enmárcase na oferta Galicia a todo tren que desde xuño a outubro volven a percorrer diferentes zonas da Comunidade galega gracias á colaboración de Turismo de Galicia, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Unha vez máis, a proposta está a ter unha moi boa acollida entre os viaxeiros, pois como sinalou Nava Castro, o conxunto de 11 itinerarios conta cunha ocupación media superior ao 60% e mesmo en algúns casos xa foron vendidas case o 100% das prazas ofertadas para esta edición.

Galicia a todo tren conta con 56 saídas ata o próximo 28 de outubro, cuxo calendario pódese consultar na páxina web de Turismo de Galicia e na da compañía ferroviaria Renfe, onde tamén se poden reservar os billetes a un prezo de 40 euros para adultos e 20 para menores de 14 anos para as viaxes de un día. Ademais, existen descontos para grupos.