Nava Castro celebra os vínculos cada vez máis estreitos que unen a Galicia e Xapón a través dos camiños de Santiago e de Shikoku
- A directora de Turismo deu a benvida hoxe á delegación do Consello de Inscrición do Patrimonio Mundial do Camiño Shikoku de Xapón cunha recepción oficial
- Ambas rutas de peregrinación están irmandadas desde hai dous anos, tras asinar un acordo que está a favorecer o intercambio cultural entre Galicia e o país nipón
- O número de peregrinos xaponeses non deixou de aumentar nos últimos anos ata acadar o pasado 2016 o seu máximo histórico, con preto de 1.500
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017
A directora de Turismo, Nava Castro, deu hoxe a benvida á delegación do Consello de Inscrición do Patrimonio Mundial do Camiño Shikoku de Xapón, que estes días visita a Comunidade dentro da colaboración establecida entre esta ruta de peregrinación do país nipón e o Camiño de Santiago fai xa dous anos.
Nava Castro participou, acompañada do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, na recepción oficial celebrada no Hostal dos Reis Católicos da capital galega, onde celebrou os vínculos cada vez máis estreitos que unen a ambos territorios tras a rubrica en 2015 dun convenio que irmanou ambos itinerarios. “Os contactos entre Xapón e Galicia non deixaron de intensificarse e, desde entón, son moitas as iniciativas que nos unen co obxectivo de fortalecer os lazos que achegan aos nosos pobos”, declarou a directora.
No marco dese acordo, Galicia ven colaborando co Camiño Shikoku no seu labor por obter a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco. Dada a experiencia acumulada pola Xunta neste eido, as catro prefecturas que compoñen Shikoku, Tokushima, Kochi, Ehime e Kagawa, solicitaron o asesoramento do Goberno galego, que ao longo deste período desenvolveu tamén diversas accións promocionais do Camiño de Santiago en Xapón.
Na súa intervención, Nava Castro subliñou que cada vez son máis os peregrinos xaponeses que rematan a ruta xacobea. En concreto, lembrou que hai unha década o número dos que o percorrían era lixeiramente superior aos 300 e que en 2016 acadou o seu máximo histórico con preto de 1.500. De feito, este interese crecente levou a Xapón a entrar por primeira vez dentro das 20 nacionalidades máis presentes no Camiño de Santiago. “Alégranos que sexa así e mesmo nos gustaría que esa cifra continúe medrando”, afirmou a directora de Turismo, que desexou que se sigan producindo “froitos en beneficio mutuo das nosas sociedades”.
Inauguración da exposición
No marco desta visita, Nava Castro inaugurará mañá a exposición O Camiño de Shikoku no Museo das Peregrinacións e de Santiago, que ao longo de todo o verán afondará na historia e na espiritualidade desta ruta xaponesa asociada a 88 templos. Ademais, a delegación nipona percorrerá un tramo do Camiño de Santiago e visitará un albergue.