27/feb/2017

Nava Castro destaca o papel dos filmes e documentais na promoción nacional e internacional do Camiño de Santiago

  • A directora de Turismo de Galicia asistiu esta tarde á preestrea do documental ‘Juan Antonio Corbalán: o Camiño remata en Obradoiro’, impulsado polo Rio Natura Monbus Obradoiro en colaboración con Turismo de Galicia, no que o ex-xogador percorre os últimos tramos do Camiño Primitivo con fins solidarios
  • Máis dun cento de peregrinos escolleron esta ruta no que vai de ano, converténdoa na terceira más empregada, tras o Camiño Francés e o Portugués

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu esta tarde á preestrea do documental Juan Antonio Corbalán: O Camiño remata en Obradoiro, unha peza audiovisual coa que “estamos seguros de que, unha vez máis, o Rio Natura Monbus Obradoiro contribuirá a difundir os valores do Camiño e o fenómeno xacobeo nos mercados nacional e internacional”, indicou.

A responsable de Turismo da Xunta recordou a boa experiencia do ano pasado, na primeira edición do proxecto, coa participación do ex-xogador da NBA Terry Porter percorrendo as últimas etapas do Camiño Francés e que se dirixiu ao mercado estadounidense.

Como recordou, agora é a quenda de Juan Antonio Corbalán, toda unha lenda europea, quen escolleu o Camiño Primitivo para a súa peregrinación, unha ruta que tras a súa declaración como Patrimonio da Humanidade e coas actuacións executadas ao abeiro do Plan Director do Camiño de Santiago, conseguiu incrementar o número de peregrinos que a escollen.

Camiño Primitivo, a terceira ruta máis empregada no que vai de ano
Neste sentido, indicou que só esta ruta rexistrou o ano pasado un total de 12.089 peregrinos, o que supón un 4,35% dos rexistrados do total dos itinerarios. Ademais, no que vai de ano, máis dun cento de peregrinos escollérona para chegar a Compostela. Isto convértea, nestes primeiros meses do ano, na terceira ruta en número de peregrinos, despois do Camiño Francés e do Portugués.

Nava Castro destacou que o documental presentado hoxe Juan Antonio Corbalán: O Camiño remata en Obradoiro combina á perfección os valores xacobeos e do deporte a través do esforzo e a superación no Camiño e, ademais consegue un fin solidario: o de recadar fondos para a creación da Beca Corbalán por parte da Fundación Heracles.

“Somos conscientes de que, nos últimos anos, o boca a boca, a aparición de libros supervendas ou mesmo películas sobre o Camiño están a axudar a dar a coñecer o Camiño por todo o mundo. Estamos seguros de que este documental se sumará a esta lista para que entre todos logremos que o Camiño siga sendo un itinerario vivo e que continúe en pleno auxe”, concluíu.