Nava Castro destaca o papel das publicacións científicas e divulgativas na preservación do Camiño de Santiago
- A directora de Turismo de Galicia asistiu á presentación do libro ‘Translating the relics of St. James’, dirixido por Antón Pazos, vicedirector do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
- Publicacións como estas axudan a posicionar Galicia como referente na investigación e “quedarán na historia para recordarnos que o Camiño é un fenómeno vivo e eterno”, indicou
- Destacou a aposta de Turismo de Galicia pola labor científica salientando, entre outras accións, a creación da Cátedra do Camiño de Santiago que busca fomentar o estudo a docencia e a difusión dos coñecementos do fenómeno xacobeo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe á presentación do libro ‘Translating the relics of St. James’, o quinto volume da serie dirixida polo vicedireitor do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, Antón Pazos, e que aborda o traslado do corpo do apóstolo Santiago dende Xerusalén a Galicia, coñecida como traslatio.
A responsable de Turismo da Xunta referiuse á nova publicación como un “instrumento de primeiro nivel para a difusión internacional do Camiño de Santiago e a cultura xacobea”. Ademais, salientou que se enmarca na “destacada labor” que vén facendo o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento no ámbito das peregrinacións, con publicacións fundamentais para a preservación da Ruta Xacobea que “quedarán na historia para recordarnos que o Camiño é un fenómeno vivo e eterno”.
Como recordou, trátase dunha inquietude investigadora compartida con Turismo de Galicia que, na súa folla de ruta de cara ao próximo Ano Santo 2021 –o Plan Estratéxico do Camiño de Santiago– dedica unha liña estratéxica á investigación, comunicación e divulgación do Camiño e da cultura xacobea e establece plans de acción enfocados ao fomento do estudo.
Santiago como referente na investigación das peregrinacións
Nava Castro tamén se referiu á Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións –en colaboración coa Catedral e a Universidade de Santiago– que será un elemento clave que mediante cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas promoverá a difusión dos valores asociados coa peregrinación.
Tamén impulsará a colaboración con profesores e departamentos universitarios e favorecerá a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación.
A directora de Turismo de Galicia estivo acompañada polo director da publicación, Antón Pazos e o delegado institucional do CSIC en Galicia e director do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. Agradeceu finalmente o traballo do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento que, con iniciativas como este quinto volume da serie Compostela International Studies in Pilgrimage Hystory and Culture, axuda a posicionar a Santiago de Compostela e Galicia como referente na investigación do fenómeno das peregrinacións.