O xerente do Xacobeo participa nunha xornada en Menorca para expoñer a experiencia da Xunta na xestión do Camiño de Santiago
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou nas II Jornades Camí de Cavalls, celebradas en Menorca co obxectivo de abordar asuntos relacionados coa recuperación pública desta vía histórica balear.
Durante a súa intervención, o xerente do Xacobeo explicou a experiencia da Xunta de Galicia na xestión do Camiño de Santiago, que efectúa dende o ano 1992. Nesta liña, Sánchez expuxo as medidas que se levan a cabo en todo o referente á sinalización e ao mantemento da Ruta Xacobea, así como na rede pública de albergues, conformada na actualidade por un total de 70 establecementos.
O xerente tamén relatou as actividades que dende o Goberno galego se poñen en marcha para promover a cultura xacobea e a relación coas Asociacións de Amigos do Camiño, así como o relacionado coa xestión do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo.
Plan Director do Camiño de Santiago
Así mesmo, o xerente subliñou a importancia de que a Xunta de Galicia teña aprobado un Plan Director do Camiño de Santiago co obxectivo de contar cunha folla de ruta na que se establecen as directrices para favorecer a conservación e protección do Camiño en Galicia.
Neste sentido, o xerente dixo que este plan está dotado con preto de 60 millóns de euros e un total de 82 actuacións para coidar o Camiño de Santiago e potencialo dunha maneira sostible.