Turismo de Galicia achega o Camiño de Santiago aos alumnos de primaria a través dun proxecto interactivo
O Colexio de Educación Infantil e Primaria Domingo Fontán, en Portas –Pontevedra- acolleu a iniciativa Un caderno no Camiño, un conxunto de actividades dirixidas a alumnos de primeiro ciclo de primaria baseadas na realización da Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.
O proxecto, promovido por Turismo de Galicia, ten como obxectivo que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación así como a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.
Para isto, a acción inclúe unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño e dous cadernos de actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.
O libro interactivo conta a historia de Sophie e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia, costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información adicional.
O caderno de actividades dirixido aos alumnos amplía os contidos do libro con documentación sobre recursos culturais, artísticos, patrimoniais, gastronómicos e naturais dos lugares polos que pasan os peregrinos na realización do Camiño. Pola súa parte, o caderno para docentes propón diferentes traballos para realizar cos alumnos na aula.
20 municipios galegos
A actividade desenvolveuse xa en escolas de seis municipios galegos polos que transcorren diferentes itinerarios da Ruta Xacobea, concretamente nos concellos de Barreiros e Abadín, en canto ao Camiño do Norte; en Guntín e Baleira, no Camiño Primitivo; en Arzúa, no Camiño Francés; e en Portas, no Camiño Portugués.
Nas próximas semanas visitará os municipios de Mesía, no Camiño Inglés; Toques e Friol, no Camiño Primitivo, Boimorto, Guitiriz, Begonte e Mondoñedo, no Camiño do Norte; Negreira, na Ruta Fisterra-Muxía; e Laza, na Vía da Prata, entre outros.
En total serán vinte municipios galegos polos que transcorren as Rutas Xacobeas na nosa comunidade os que participarán nesta iniciativa de Turismo de Galicia.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés