A exposición itinerante ‘Via Iacobitana’ mostra en Ourense diversas perspectivas do Camiño de Santiago
O Centro do Coñecemento de La Molinera de Ourense acolle dende hoxe ata o próximo 25 de novembro a exposición ‘Via Iacobitana’ que reúne unha colección de imaxes sobre o Camiño de Santiago.
A mostra, froito da colaboración de Turismo de Galicia e Viaqua, foi inaugurada hoxe polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, o director de Viaqua, Julio Masid, o alcalde de Ourense, Jesús Vazquez, e a secretaria territorial da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado, entre outros.
Trátase dunha colección de 50 fotografías sobre as Rutas Xacobeas realizadas polos fotógrafos galegos Tino Diz e Luis Gabú que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a experiencia.
A través das imaxes que se expoñen contémplanse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.
Ourense ten, nesta ocasión, un protagonismo especial, xa que a mostra contén imaxes de sitios emblemáticos da cidade como a Praza Maior, a ponte romana, Santa María Nai, a catedral ou a zona vella.
Este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.
Así, coas imaxes propostas na mostra evidénciase a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como, o seu inesgotable poder de atracción.
A exposición está aberta ao público de luns a venres de 8:00 a 20:30 horas.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas