11/out/2016

Turismo de Galicia leva a Ferrol a exposición 'Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago'

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, inaugurou hoxe a exposición 'Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago' na sede de Afundación en Ferrol, na Praza da Constitución. A mostra constitúe un homenaxe a todos os hospitaleiros voluntarios que conforman unha pedra angular para a rutas xacobeas a través dunha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente.

As imaxes, que foron sacadas nas últimas décadas, dende finais dos 90 ata hoxe, mostran a importante función que desempeñan os hospitaleiros voluntarios en diferentes albergues e puntos do Camiño de Santiago.

Así, a través das fotografías, pódese afondar neste labor desinteresado que realizan día a día as Asociacións de Amigos do Camiño e os hospitaleiros voluntarios en todas partes do mundo, inundando a Ruta Xacobea dunha esencia de fraternidade e solidariedade e difundindo os contidos culturais e espirituais do Camiño.

A exposición explica a través das fotografías como a medida que se avanza no Camiño, se produce unha comunicación a varios niveis: con un mesmo, coa propia Ruta Xacobea e cos compañeiros de Camiño, cos hospitaleiros e os paisanos.

Itinerancia
A exposición 'Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago” puido xa visitarse en Santiago de Compostela e está a realizar na actualizade unha itinerancia polas sedes xubilares do Ano da Misericordia en Galicia.

A sede de Afundación en Ferrol a acolle dende hoxe ata o próximo domingo 19 de novembro onde pode visitarse de luns a sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.