A exposición itinerante ‘Via Iacobitana’ chega á provincia de Córdoba
O Museo Etnolóxico do municipio de Hinojosa del Duque, en Córdoba, acolle a exposición fotográfica sobre o Camiño de Santiago, ‘Via Iacobitana’, ata o vindeiro 17 de outubro.
Trátase dunha colección de fotografías sobre o Camiño de Santiago realizadas por fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea.
A través das imaxes que se expoñen contémplanse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.
Este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.
Así, coas imaxes propostas na mostra evidénciase a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como o seu inesgotable poder de atracción.
A exposición está aberta ao público os martes de 17:00 a 20:00 horas; os mércores, xoves e venres de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 20:00 horas; e os fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 horas.
Outras novas
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’