13/set/2016

Samos acolle a exposición de Turismo de Galicia ‘Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago’

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, realizou hoxe unha visita á exposición itinerante ‘Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago’ que acolle, ata o próximo 7 de outubro, O Mosteiro de Samos.

A exposición 'Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago', é unha homenaxe a todos os hospitaleiros voluntarios que constitúen unha pedra angular para a rutas xacobeas.

A mostra recolle unha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente. As imaxes, que foron sacadas nas últimas décadas, dende finais dos 90 ata hoxe, mostran a importante función que desempeñan os hospitaleiros voluntarios en diferentes albergues e puntos do Camiño de Santiago.

Así, a través das fotografías, pódese afondar neste labor desinteresado que realizan día a día as asociacións de amigos do Camiño e os hospitaleiros voluntarios en todas partes do mundo inundando a Ruta Xacobea dunha esencia de fraternidade e solidariedade e difundindo os contidos culturais e espirituais do Camiño.

A exposición, enmarcada na programación especial da celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o 20 de novembro de 2016, pode visitarse de forma gratuíta todos os días da semana de 09:30 a 13:30 horas e de 15:30 a 18:30.