Valdoviño acolle a exposición de Turismo de Galicia ‘Via Iacobitana’
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, realizou hoxe unha visita á exposición itinerante ‘Via Iacobitana’ que acolle, ata o próximo 2 de outubro, a Casa da Cultura de Valdoviño.
A exposición, chega a este municipio de Ferrol, grazas ao acordo asinado entre Turismo de Galicia e Viaqua, a través do cal a mostra visitou xa tamén Santiago de Compostela, Ribadeo e Viveiro e poderá verse, así mesmo, en outras cidades de Galicia como Pontevedra, Fene ou Ourense.
Trátase dunha colección de fotografías sobre o Camiño de Santiago que amosa as Rutas Xacobeas dende unha perspectiva artística contemporánea.
A través da mostra, fotógrafos galegos convertidos en peregrinos eventuais plasman a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea.
Así, mediante as imaxes contémplanse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran dende a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.
Deste xeito, este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.
A mostra, enmarcada na programación especial da celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o 20 de novembro de 2016, pode visitarse de forma gratuíta de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas.