17/xul/2016

Turismo de Galicia promove o Camiño de Santiago e a cultura xacobea en Pequín

O Xacobeo promove a cultura xacobea en Pequín cunha xornada sobre o Camiño de Santiago, un acto organizado conxuntamente entre Turismo de Galicia, Turespaña e o Instituto Cervantes de Pequín.

Por parte do Xacobeo estivo presente o xefe da área de cultura, Francisco Singul, historiador de acreditada traxectoria no campo da ruta xacobea e da súa cultura, que foi o encargado de presentar unha intervención, xunto co director de cine Carlos Dai, para poñer en valor a historia e o Camiño de Santiago.

Así mesmo, abordou a experiencia do peregrino e a emoción á que se expón ao realizar este itinerario milenario. Con esta finalidade, o xefe da área de cultura do Xacobeo acompañou as súas palabras cun vídeo producido recentemente para a exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos”, unha mostra e unha proxección audiovisual que foron todo un éxito. Pola súa banda, Carlos Dai achegou a súa percepción como peregrino chino tras ter realizado o Camiño.


Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia
Este acto de promoción coincide coa celebración neste 2016 do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o vindeiro 20 de novembro. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era santo.

Por este motivo, Turismo de Galicia puxo en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante. Durante este período, Galicia ofrecerá diversos congresos, conferencias e exposicións, ademais de programas culturais e concertos como a iniciativa “Música no Camiño” ou “Cultura no Camiño”. Así mesmo, tamén se levarán a cabo importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos.