A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, recibiron esta mañá en Pontevedra a un grupo de máis de setenta peregrinos que iniciaban hoxe o tramo final da Primeira Peregrinación polo Camiño de Santiago Antártico, que partiu da Antártida o 28 de febreiro desde a base española Gabriel de Castilla, situada na Illa Decepción do arquipélago das illas Shetland do Sur, a máis de 14.000 quilómetros de Compostela.
Os peregrinos participantes, que eles mesmos se denominan “pingüirinos”, partían hoxe da cidade do Lérez para dirixirse ata Compostela a través da ruta que atravesa o Salnés e continúa en barco pola ría de Arousa ata Padrón para seguir despois a pé. A súa chegada á cidade do Apóstolo está prevista para o vindeiro xoves, 7 de xullo.
O proxecto está promovido pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e tamén participan membros da Armada, do Exército de Terra, do Instituto Hidrográfico da Mariña e do Instituto Xeográfico Nacional. Estes dous últimos organismos documentarán a experiencia. Concretamente, participan militares da dotación do buque de investigación oceanográfica Hespérides e da XXIX Campaña Antártica do exército de terra.
Datos de peregrinos
No que vai de ano xa chegaron a Santiago máis de 105.500 peregrinos, o que supón un incremento superior ao 8% ao contabilizar un incremento de máis de 8.000 peregrinos con respecto ao mesmo período de 2015.
Así mesmo, en canto a nacionalidades, máis dun 62% dos peregrinos recibidos neste período de 2016 son de orixe internacional, o que supón 66.278 peregrinos estranxeiros fronte aos 39.245 de carácter nacional.