1/xul/2016

Santiago recibe o peregrino 100.000

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o deán da catedral de Santiago de Compostela, Segundo Pérez, recibiron esta tarde o peregrino número 100.000 do ano 2016, José Rodríguez. Este murciano rematou hoxe o Camiño de Santiago xunto co seu fillo, Miguel Ángel. Iniciaron a ruta xacobea en Barcelos, Portugal, percorrendo a pé 190 quilómetros en 10 días polo Camiño Portugués.

O peregrino 100.000 recibiu varios recoñecementos conmemorativos da man do deán e do xerente do Xacobeo despois da misa que se celebrou ás 19.30 horas na catedral de Santiago. Neste sentido, o xerente entregoulle un diploma acreditativo da súa condición de peregrino 100.000 e un libro. O deán, pola súa banda, outorgoulle unha edición especial da Compostela e outros agasallos.

O peregrino explicou emocionado que o importante foi poder realizar esta experiencia na compañía do seu fillo, ao cal non vira en case todo o ano por estar este estudando na Universidade de Lisboa. Foi este motivo o que os impulsou a escoller a ruta portuguesa para un encontro esperado e poder compartir uns días.

Récord de peregrinos
O xerente do Xacobeo aproveitou a ocasión para subliñar que neste ano se bateu un récord no número de peregrinos que chegaron a Santiago xa que se recibiron preto de 8.000 máis ca no mesmo período do ano anterior, o que supón un incremento en torno ao 8%. Ademais, de todos os peregrinos chegados neste ano, o xerente fixo fincapé en que ao redor do 64% foron de orixe internacional.