26/abr/2016

Turismo de Galicia celebra o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno e do Camiño Portugués pola Costa

Turismo de Galicia celebra a aprobación por parte do Parlamento de Galicia da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, na cal se recoñece oficialmente o "Camiño de Inverno" e o “Camiño Portugués pola Costa” como dúas novas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela, recollendo unha vella reivindicación dos colectivos relacionados con ambas as dúas rutas xacobeas. A devandita inclusión é froito dos estudos realizados nos últimos anos e que acreditan a historicidade destas rutas.

O Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia no pasado mes de setembro, está en consonancia con esta nova normativa legal que procura, entre outros obxectivos, o mantemento dos valores esenciais do Camiño e a posta en valor do patrimonio cultural asociado ao Camiño de Santiago e que agora están referendados por esta nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Así mesmo, esta nova lei inclúe a incoación da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) dunha ruta xacobea se os concellos polos que esta discorre o solicitan por unanimidade, o que constitúe un paso máis na garantía da súa protección e conservación.

Por outra parte, a normativa permitirá establecer un plan territorial integrado dos Camiños de Santiago co obxectivo de avanzar pola senda dunha protección efectiva do Camiño de Santiago. O ámbito deste plan estenderase á totalidade dos territorios históricos delimitados.