26/xan/2016

Xunta e Arcebispado de Santiago organizan unha semana de portas abertas no Pazo de Xelmírez

Turismo de Galicia, en colaboración coa Fundación Catedral de Santiago e o Arcebispado de Santiago, pon en marcha as xornadas de portas abertas do Pazo de Xelmírez.

Así, entre os próximos 1 e o 7 de febreiro, o acceso a este espazo histórico e artístico será de balde. Ademais, esta iniciativa cultural porá en marcha dúas visitas guiadas cada día, ás 10h e ás 18h, que permitirán coñecer de primeira man o resultado das obras de rehabilitación levadas a cabo por Turismo de Galicia no marco da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento, grazas a cal adecuouse o espazo ao seu uso turístico e cultural dinamizando a oferta cultural de Santiago e abrindo á cidade este pazo medieval situado na mesma Praza do Obradoiro, á que todos os días do ano chegan centos de peregrinos.

O Pazo de Xelmírez é un edificio de estilo románico de carácter civil e que debe o seu nome a Diego Gelmírez, primeiro Arcebispo de Compostela e gran impulsor da súa construción.

O pazo constitúe un espléndido conxunto arquitectónico medieval no que destacan a Sala de Armas, a Sala Manrique, a Cociña e, especialmente, o Salón de Cerimonias, dunha monumentalidade espectacular e bela ornamentación con ménsulas historiadas nas que se representa un banquete real. Actualmente o espazo está destinado a uso cultural incluíndose a súa visita como parte do Museo da Catedral e albergando exposicións temporais.

Datas: do 1 ao 7 de febreiro de 2016

Visita libre: de 10:00 a 20:00 h. (sen reserva previa)

Visitas guiadas (máximo 25 pax.): 10:00 e 18:00 h.

Reservas: 981 552 985 (grupos)

Acceso: Praza do Obradoiro.