25/Jun/2014

Turismo de Galicia trae a Santiago a exposición "Peregrino e novo apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago"

Obras de Salzillo, El Greco ou Zurbarán poden admirarse no Colexio de Fonseca na exposición de Turismo de Galicia Peregrino e novo apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago. Esta mostra supuxo o primeiro acto conmemorativo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago coa súa inauguración na cidade italiana no Palacio Bonaquisti o pasado mes de agosto, onde recibiu preto de 7.000 visitantes. Este verán, a mostra poderá visitarse dende hoxe ata o 24 de agosto no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela.

A exposición está concibida para visibilizar a herdanza franciscana que aínda vive en Compostela e que evoca o espírito peregrino das cidades de Santiago de Compostela e Asís. O legado franciscano no camiño de Santiago, tanto nas localidades da ruta como na propia Compostela, así como a súa contribución ao reforzo da infraestrutura da hospitalidade e ao sentido da peregrinación espiritual occidental son as mensaxes que se transmiten con este proxecto expositivo.

+info: www.xacobeo.es